Un novo índice para medir a pobreza

Aplicando o novo baremo, estímase que no mundo viven na pobreza extrema 400 millóns de persoas máis das que se cría

Data: 21 xullo 2010
Fonte: ONU

O Centro de Noticias de Nacións Unidas informou de que a Universidade de Oxford e o Programa da ONU para o Desenvolvemento (PNUD) acaban de lanzar un novo índice de medición da pobreza que ten en conta aspectos multidimensionais para cuantificar a pobreza con máis exactitude que os métodos actuais.

O índice avalía, entre outras cousas, os resultados dos servizos de saúde e educación e examina se o acceso á auga, a electricidade ou o saneamento son gratuítos ou non.

Os investigadores analizaron datos de 104 países nos que vive o 78 por cento da poboación mundial e avaliaron as carencias nos fogares, a nivel rexional, nacional e internacional.

Tras esta análise determinaron que, aproximadamente, un terzo da poboación vive na pobreza extrema, e iso supón 400 millóns máis do que se cría.

Agora preténdese que o novo índice sexa utilizado polos gobernos e as axencias de desenvolvemento e que iso lles axude a asignar máis eficazmente os recursos necesarios para combater a pobreza.

Todos podemos colaborar. A FAO lanzou unha campaña mundial de mobilización para erradicar a fame de calquera lugar do mundo. Infórmate sobre a campaña “Mil millóns de famentos” 

Máis información no servizo de noticias da ONU (ventá nova)