Caixa Galicia crea a web 'Solidarízate' para fomentar o voluntariado entre os cidadáns

portada web solidarízate

Contén variadas propostas solidarias nas que é posible participar e implicarse

Data: 26 xullo 2010
Fonte: Obra Social Caixa Galicia

http://solidarizate.obrasocialcaixagalicia.org é a web creada por Obra Social Caixa Galicia para informar e animar a participar activamente na construción dunha sociedade máis xusta. O obxectivo é canalizar as demandas activas de voluntariado, axudar ás numerosas persoas que queren colaborar con asociacións e ONG e que non saben onde dirixirse, onde poden ser máis útiles ou que posibilidades de colaboración se adaptan máis aos seus intereses ou á súa dispoñibilidade horaria.

A web é un paso máis na estratexia de fomento de voluntariado de Obra Social Caixa Galicia que organizou entre abril e xullo do pasado ano, a segunda edición da exposición 'Solidarízate' para sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade que ten a sociedade de persoas voluntarias e facer visible o labor do voluntariado e as organizacións sociais. As entidades puideron captar máis de 700 novos voluntarios e deron a coñecer o seu traballo aos numerosos visitantes da exposición que ocupou céntricos espazos da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.

Propostas solidarias, experiencias, voluntarios

O núcleo central de Solidarízate é o voluntariado. As persoas interesadas en facer voluntariado poden atopar na páxina máis de 170 actividades nas que se necesita colaboración. Para facilitar a procura preséntanse organizadas por provincias e por temas: integración socialcooperación ao desenvolvementomedio ambiente.

Avogados para asesorar a persoas sen recursos en Cáritas, profesor de canto para montar un coro en Equus Zebra, condutores de furgonetas en Aspronaga para trasladar a mozos con discapacidade a actividades de lecer, colaborar na acollida e acompañamento de peregrinos no albergue centro de Don Bosco en Santiago, na tenda de comercio xusto de Solidariad Internacional ou acompañar a persoas con discapacidade no seu tempo de lecer en Artefíos, entre outros son necesidades actuais da diferentes ONG.

Solidarízate tamén ofrece outro tipo de propostas coas que é posible participar e implicarse. É unha oferta variada con accións que demandan só uns segundos para colaborar e outras moitas que supoñen un pequeno xesto. Algúns exemplos de propostas solidarias son:

Doazóns de libros, material escolar, roupa, material ortopédico ou lentes como as que recollen organizacións como Medicus Mundi, Club Internacional de Leóns ou ópticos polo mundo en colaboración con diferentes ópticas para proxectos de cooperación internacional.

Doazóns económicas para campañas de emerxencias.

Compras solidarias, como as que se poden realizar no outlet solidario Socialbid no que se venden "famosos" ou en camisetasolidaria.com. Comercio xusto, compras de nadal ou produtos ecolóxicos.

Viaxes con máis de 20 propostas diferentes organizadas por outras tantas ONG, para viaxar a Guatemala, a India ou Marrocos e coñecer os lugares nos que traballan as diferentes organizacións ou colaborar nalgún dos proxectos que se están levando a cabo. As entradas nesta sección superan xa as 13.200 visitas (a procura en Google de vacacións “solidarias” sitúa a Caixa Galicia no primeiro posto de resultados).

Campañas de mobilización sobre diferentes temas como as doazóns de sangue en época estival (máis necesarias que en calquera outro momento do ano), a recollida de sinaturas para a loita contra a fame ou para reclamar unha vida digna para moitas persoas que fabrican os balóns cos que xogaron os deportistas no Mundial de fútbol.

Concurso de fotografía relacionada co voluntariado que ten como premio unha viaxe a África para coñecer os proxectos de Intermón etc.

Ademais, Solidarízate achega ao voluntariado a través de 25 vídeos que mostran outras tantas actividades realizadas por persoas voluntarias de calquera idade, variados intereses e con diferentes niveis de implicación: maiores que coidan un río, mozos que comparten o seu tempo de lecer con persoas con discapacidade...

Solidarízate é posible porque Obra Social Caixa Galicia ten como unha prioridade estratéxica a colaboración coa ONG de Acción Social a través de diferentes liñas de acción entre as que se atopa www.socialia.org, unha plataforma da que forman parte  2.030 ONG. Estas entidades envían a Socialia.org información sobre as súas actividades e demandas de voluntariado e a través do portal reciben a actualidade máis destacada de interese para o sector como lexislación, subvencións, cursos, etc. Con Solidarízate, Obra Social Caixa Galicia quere facer chegar as propostas solidarias da ONG coas que colabora ao público xeral non profesional. 8.500 persoas reciben xa no seu correo electrónico os boletíns quincenais para coñecer diferentes propostas solidarias nas que é posible colaborar.