|
Objeto:
|
Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades sen ánimo de lucro sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas: a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como: -Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das asociacións, así como á promoción e captación de voluntariado. -Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións. -Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal, etc.). b) Área de formación e participación: perséguese aquí unha modernización e adaptación permanente das entidades á realidade social a través destas liñas fundamentais: -Gastos de formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias. -Incorporar actuacións innovadoras na aplicación de boas prácticas que sirvan de referentes, actúen como dinamizadores da participación social e favorezan a continuidade do voluntariado. -Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades, como por exemplo o deseño e mantemento de páxinas web. c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado, así como as iniciativas de carácter experimental que acheguen solucións innovadoras.
|